top of page

Alguén prende a televisión e non ve máis que novas que desprestixian o galego e os seus falantes. Esperta na ‘Galiza Profunda’ cuestionado sobre o desenvolvemento da súa personalidade. Pasa de ‘riquiño’ a introvertido, ‘casi gallego’ como diría Paco León. O seu acento é obxecto de burlas públicas porque é ‘boíño’ de máis e dá moitos ‘besiños’. Esta é a realidade que viven os galegofalantes. Disto pouco entenden as intelixencias artificiais que se empregan con normalidade, que necesitan unhas clases de galego da pequena Moraima porque Siri ‘cree que no la entiende’.
 

Na actualidade, estamos perdendo a nosa lingua sen decatarnos desta realidade. A comezos de 2013, o Barómetro Calvet das linguas do mundo facía públicos os resultados dun estudo no que se analizaba o grao de instalación social de 563 linguas con máis de 500.000 falantes. Nesta clasificación, —que atende a criterios como número de falantes, grao de penetración en internet ou número de artigos publicados en wikipedia— o galego sitúase na posición 49. Aínda que inicialmente poderíamos considerar que é unha cifra positiva, cómpre destacar que cada ano morren case o dobre de galegos que os que nacen, un dato alarmante que podería significar a extinción da lingua nun futuro máis próximo do que cremos.
 

Os idiomas morren por mor da pouca axuda que reciben. Existen moitas referencias á ‘comunidade bilingüe’ ou ‘bilingüismo harmónico’ que transmite unha relación idealizada entre o galego e o castelán. A realidade é ben diferente, o correcto sería falar de glotofaxia (do grego glosa, ‘lingua’; e phagos, ‘comer’) ou xenocidio lingüístico, un proceso político-social mediante o cal a lingua dunha determinada cultura desaparece parcial ou totalmente, vítima do influxo, en maior parte directa e coercitiva, doutra cultura. Para evitar que se produza o eclipse do galego, cómpre reconstruir a lingua, un proceso no que todos os segmentos da poboación teñen un papel fundamental.

© 2022 Creado por Rafael Ruíz, Marta Tiago, Raúl Salgueiro, Laura Rodríguez, Marcos Rodríguez e Valeria Salazar con Wix.com

bottom of page